17 de mar. de 2010

Cando se cumpre unha semana da petición de dimisión.

As 19 asociacións impulsoras do proceso democrático de cesamento da actual Comisión Permanente da Federación de Asociacións Veciñais “Eduardo Chao” de Vigo, cando se cumpre unha semana da presentación formal do escrito polo que se lle requiría ou ben a dimisión da actual Comisión Permanente, ou a convocatoria inmediata dunha Asemblea Xeral Extraordinaria para acordar a súa substitución por unha Xestora, e perante algunhas declaracións feitas por parte da devandita Comisión Permanente, queremos manifestar publicamente o seguinte:

Primeiro.- Conforme os Estatutos da FAVEC, ao abeiro do seu artigo 13.4, a solicitude cursada por máis dun 10% do total de asociacións federadas (19 asociacións son ademais maioría absoluta), é de obrigado cumprimento por parte da Comisión Permanente. A non convocatoria, ou a decisión de adiar esta en funcións dos intereses particulares da Permanente, supón incorrer non só nun grave déficit democrático, que evidencia cal é a concepción de democracia que practican, senón ademais nunha manifesta ilegalidade, tal e como xa lle foi advertido. Cometer un acto ilegal, obrando ademais con coñecemento desta circunstancia, obriga a responder das responsabilidades civís que destas decisións se derivasen. Nese senso, esiximos á actual Comisión Permanente a convocatoria inmediata da asemblea extraordinaria solicitada, na que ademais de cesar ao actual equipo directivo sería designada unha Xestora ou Permanente provisoria, que entre outras finalidades tería a de auditar en profundidade as contas da FAVEC, e devolver a normalidade institucional e democrática á entidade. Reiteramos que os mandatos dos organismos democráticos comezan e rematan cando a maioría o decide. En consecuencia o mandato da Permanente, encabezada por Elena González, xa concluíu.

Segundo.- A Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o pasado martes 23 foi ilegal, e polo tanto os seus acordos nulos, por non ter sido convocada cos 15 días de anterioridade esixidos polos Estatutos da FAVEC. Esta circunstancia volve evidenciar o nulo respecto da actual Comisión Permanente cara as regras de xogo democráticas das que se ten dotado dende o seu nacemento a Federación Veciñal. Por outra banda non imos entrar a valorar as filtracións interesadas a respecto do resultado da devandita asemblea, que foi presentada interesadamente como de adhesión unánime á Comisión Permanente, cando ese asunto non estaba incluído na orde do día, e nos consta que en todo caso non todas as asociacións asistentes subscribirían ese suposto apoio. Queremos reiterar que a decisión de non asistir a esta asemblea, correspóndese cun acto de coherencia, xa que como manifestamos a pasada semana, no intre en que a maioría das asociacións federadas lle retiramos o noso apoio, a Permanente xa non tiña lexitimidade para representar a FAVEC, e polo tanto non a recoñecemos como organismo directivo. A única asemblea na que se poderán verificar os apoios reais co que conta a actual Comisión Permanente é a solicitada para abordar o seu cesamento, como indicamos no punto primeiro.

Terceiro.- Clarificar que a rolda de prensa celebrada a semana pasada para a presentación pública do escrito asinado polas 19 entidades, produciuse despois dunha filtración que non proviña de ningunha das entidades asinantes. Perante esa circunstancia, un proceso que estaba previsto desenvolverse dun xeito máis discreto e interno, precipitouse, o que nalgúns caso fixo imposíbel contactar con algunhas asociacións. Dende ese momento, iniciamos unha nova rolda de contactos coas restantes asociacións federadas, dende a aspiración de que a solución da grave crise interna que sofre a FAVEC, de non poder ser unánime, debe contar co maior número de asociacións posíbel. Xa foron varias as entidades que inda non asinando inicialmente o escrito se interesaron por sumarse neste proceso. En todo caso ademais, entendemos que non hai nada que agochar, e que fronte a xestión escura da actual equipa directiva, nós actuamos con transparencia e lexitimidade. Nese senso instamos á actual Permanente, e concretamente á súa Presidenta, Elena González -por ser a que exerce de portavoz pública-, que cese de inmediato os seus ataques contra destas 19 asociacións veciñais (que representamos a maioría absoluta das 35 federadas), inconsistentes e baseados en infundios, e que só danan ao conxunto do movemento veciñal da cidade.

Cuarto.- Insistimos en que este proceso non é ningunha escura conspiración, é tan só unha expresión de neta democracia interna, a mesma que guiou a acción da Federación dende a súa fundación, e a mesma que practicamos todas as asociacións veciñais nos nosos barrios e parroquias. Somos Federación Veciñal, porque a FAVEC son as 35 asociacións que a integramos e non a súa Permanente ou a súa Presidenta. Móvenos só a defensa do movemento veciñal e dos intereses do conxunto da veciñanza de Vigo. Non somos asociacións amigas nin do PSOE, nin do BNG, nin do Partido Popular. Somos asociacións veciñais de Vigo federadas na FAVEC. Se ben, defendemos como un valor positivo a pluralidade ideolóxica no seo do movemento veciñal, foi precisamente a parcialidade da actual Comisión Permanente, un dos desencadenantes da crise que vive a Federación. O movemento veciñal mantén os mesmos posicionamentos en defensa dos intereses da cidadanía. Foi a actual Comisión Permanente a que optou por un silencio inadmisíbel, cando non de expresa complicidade, perante situacións que preocupan á veciñanza. Non fomos as asociacións veciñais as que quixemos ficar caladas perante o risco real de privatización do novo hospital, nin as que cambiamos a nosa posición contraria aos recheos na ría despois de que se producira un cambio na Presidencia da Autoridade Portuaria. Non admitiremos acusacións de partidismo, por ser completamente falso, e menos inda por parte de quen si demostrou na práctica a súa parcialidade.

Quinto.- O movemento veciñal ten diferenzas e coincidencias co actual goberno municipal, coma con todos os anteriores. A nosa posición reinvidicativa foi, é e será sempre firme e independente, goberne quen goberne. Porén, a Federación Veciñal non pode seguir sendo a palestra persoal dende a que facer oposición política a un goberno, senón a organización unitaria do movemento veciñal que exprese os seus posicionamentos e reivindicacións, algo que non está a suceder. Lamentabelmente a actual Comisión Permanente non fala no nome do conxunto das asociacións federadas, senón coma moito no nome das persoas que a integran e ás máis das veces en función das súas sensibilidades ideolóxicas particulares.

Sexto.- Volvemos trasladar unha mensaxe de confianza e tranquilidade dirixido primeiramente aos milleiros de persoas que están organizadas nas asociacións veciñais de Vigo, e tamén ao conxunto da cidadanía, convencidas e convencidos de que esta situación vai ser resolta e a Federación Veciñal Eduardo Chao volverá responder aos intereses sociais da cidade e a ningún máis. O movemento veciñal é algo moito máis serio e importante que a imaxe que desgraciadamente están a dar algúns dos seus máximos dirixentes.

Vigo, 25 de febreiro de 2010.

Nenhum comentário:

Postar um comentário