17 de mar. de 2010

Declaración Pública de 19 asociacións veciñais de Vigo federadas na FAVEC.


No día de hoxe, dezanove asociación veciñais, federadas na Federación Veciñal “Eduardo Chao de Vigo”, presentamos un escrito dirixido á Comisión Permanente da federación no que solicitamos o seguinte:


-En primeiro lugar, a dimisión da actual Comisión Permanente.

-En segundo, ao abeiro do artigo 13.4 dos Estatutos da FAVEC, que de non atender a primeira petición se proceda a convocar de forma inmediata una Asemblea Xeral Extraordinaria, con dous puntos únicos na orde do día:

1.Dimisión da Permanente da Federación Veciñal.

2.Elección de nova Permanente, ou Xunta Xestora, con tres cometidos explícitos:

a.Auditar as contas da Federación.

b.Regularizar a situación económica, social e institucional da entidade.

c.Convocar o proceso de elección dunha nova Permanente, xa nunha situación que a Asemblea Xeral considere normalizada.

A respecto desta segunda petición, hai que sinalar que as asociacións asinantes representamos a maioría absoluta na Asemblea Xeral, polo que sobórdase con moito o 10% esixido estatutariamente para reclamar unha convocatoria, e polo tanto esta solicitude é de obrigado cumprimento.

As causas que nos levan a tomar esta decisión extrema, despois de constatar en reiteradas ocasións a imposibilidade de resolver a situación que se vive no seo da FAVEC doutro xeito, son dúas:

1. A Xestión interna da Federación, tanto no que ten que ver coa cuestión organizativa coma –sobre todo- o financeiro, foi escurantista, opaca e fíxose de costas ao conxunto das asociacións. Nese senso, alén de reivindicar o aboamento do convenio co Concello de Vigo pendente de execución, queremos manifestar con total claridade que a situación de profunda crise interna, non só económica, que sofre a federación veciñal non está causada unicamente por esa cuestión. Foi a acción irresponsábel, e obxectivamente pouco democrática, da actual Comisión Permanente a que colocou a FAVEC nunha situación de falta de liquidez e insolvencia económica, que de non ser atallada poría en risco a propia continuidade da entidade. O actual modelo de xestión non é coherente coa natureza do propio movemento veciñal, e correspóndese máis co dunha empresa que co dun conxunto de organizacións non lucrativas e democráticas.

2. No relativo á acción social e política, como colectivo aglutinador dun movemento fondamente reivindicativo como é o veciñal, denunciamos a súa complicidade e inacción deliberada, mediante un silencio inadmisíbel, perante situacións que preocupan fondamente á veciñanza da nosa cidade (a privatización do futuro novo Hospital, a supresión da bolsa de vivenda protexida da Xunta, a nova tarifa da auga que encarece até un 70% o recibo, o conflito da Gota de Leite e a necesidade dun Albergue público, as deficiencias escolares en dotacións, comedores, instalacións deportivas…, os recheos na Ría de Vigo ou o debate a respecto das caixas de aforro). En todos estes temas, por citar algúns exemplos, a actual Comisión Permanente, desoíndo en moitos casos o mandato das asociación veciñais que debería representar, optou polo silencio ou no mellor dos casos por simular ter un posicionamento que a cidadanía descoñece. Pola contra, son evidentes e numerosos os exemplos de manifesta parcialidade cos que a FAVEC actuou publicamente, con posicionamentos que non respondían a ningunha decisión asemblearia. Nese marco encádrase a disputa persoal que a Presidenta da FAVEC mantén co Alcalde, que entendemos nada ten que ver co exercicio de insobornábel defensa dos intereses veciñais que nós suscribimos, senón cunha teimosa pretensión de exercer de oposición política a un goberno municipal.

Esta gravísima situación, tanto no que ten que ver co funcionamento interno da federación, coma no papel que esta está a xogar por decisión unilateral da actual Comisión Permanente, está a provocar a desconfianza e descrédito por parte da cidadanía de Vigo contra dunha entidade que dende a súa fundación exerceu con dignidade a representatividade dos intereses xerais da veciñanza de Vigo, dos barrios e das parroquias. Un estatus conquistado a través de anos de traballo incansábel, coherente e comprometido, que hoxe lamentabelmente se está a dilapidar.

Por mor das filtracións interesadas, e das declaración parciais e distorsionadoras, que apareceron estes días nos medios de comunicación é polo que as 19 asociacións veciñais decidimos comparecer publicamente.

Non estamos diante de ningunha escura conspiración. O proceso que iniciamos coa presentación do escrito mencionado, é un proceso de pura e neta democracia interna. As 19 asociacións que polo momento o subscribimos (non desbotamos que se engadan máis e animámoslle dende aquí a facelo), somos FEDERACIÓN VECIÑAL EDUARDO CHAO. Porque a Federación non é nin a súa Permanente nin a súa Presidenta, somos todas e cada unha das 35 asociacións que a integramos, feito que a actual dirección lamentabelmente esquece.

Respondemos única e exclusivamente aos intereses do conxunto do movemento veciñal. Móvenos o feito de que acreditamos con maior firmeza ca nunca no proxecto que representa a Federación Veciñal, e non permitiremos ningún infundio explícito ou insinuado noutro sentido, e menos por parte de quen si demostrou a súa parcialidade interesada.

Estas 19 asociacións non actuamos unidas por ningunha cuestión ideolóxica ou relixiosa, o que nos unifica é a defensa do modelo de Federación Veciñal que durante tantos anos construímos xuntos. O dunha federación que aglutine e represente ao conxunto das asociación veciñais, que serva como ferramenta unitaria para o noso exercicio de reivindicación dunhas mellores condicións de vidas nos barrios e parroquias, dende a absoluta independencia non só de partidos políticos senón de calquera entidade allea. Queremos recuperar a Federación Veciñal para poñela ao servizo da cidadanía de Vigo e de ninguén máis.

En democracia -e o carácter democrático e a defensa da democracia son consubstanciais ao veciñal-, os órganos de dirección comezan e rematan o seu mandato cando a maioría o decide. Hoxe asociacións que representamos a maioría absoluta da federación, esiximos a dimisión da actual comisión permanente. Se esta actúa guiada polos máis esenciais valores democráticos aceptará a súa deslexitimidade e a presentará. Confiamos en que así sexa.

En relación ás asembleas convocadas pola actual Permanente, queremos facer pública a decisión de non comparecer en ningunha asemblea que non sexa a solicitada para facer efectivo o seu cesamento democrático. Nese senso, advertimos, que por representar unha maioría cualificada, non só desatenderemos e non acataremos ningún acordo que nelas se tome, senón que estes serán nulos de pleno dereito e serán responsabilidade directa da actual Comisión Permanente. En consecuencia, instamos á desconvocatoria inmediata da asemblea prevista para o vindeiro día 23, que ademais foi convocada sen cumprir as condicións ás que obrigan os Estatutos da FAVEC en relación aos prazos.

Tomamos esta decisión xa que dende este momento non recoñecemos lexitimidade nin representatividade legal algunha á Comisión Permanente presidida por Elena González.

Por último queremos trasladar unha mensaxe de confianza e tranquilidade aos milleiros de viguesas e vigueses que están organizados nas diferentes asociacións veciñais, e que facemos extensiva ao conxunto da cidade. Pois temos o pleno convencemento de que o modelo de autoorganización, que representamos e practicamos as asociacións veciñais nos nosos barrios, volverá a ser o que paute tamén o traballo da Federación Veciñal “Eduardo Chao” de Vigo.

As asociacións asinantes son:

1. A.V. “Val do Fragoso”

2. A.V. “Casco Vello”

3. A.V. “Fonte do Galo”

4. A.V. da Miñoca.

5. Sociedade Veciñal “Nautilius” de Comesaña.

6. A.V. de Coruxo.

7. A.V. “A Paz”

8. A.V. Pontenova-Freixeiro

9. A.V. de Lavadores

10. A.V. “A Unión” de Matamá.

11. A.V. de Navia

12. A.V. “Doutor Fleming”

13. A.V. de Saiáns.

14. A.V. “Rosalía de Castro” da Salgueira.

15. A.V. de San Roque.

16. A.V. de Sampaio

17. A.V. “O Carballo” de Sárdoma.

18. A.V. de Teis

19. C.V. de Valladares.


Vigo, 18 de febreiro de 2010.

Nenhum comentário:

Postar um comentário