22 de mar. de 2010

Nota de prensa URXENTE, sobre a convocatoria de asemblea.

As 19 asociacións veciñais federadas na FAVEC, que promovemos o proceso democrático de relevo da actual Comisión Permanente da Federación Veciñal, tomamos no día de hoxe a decisión en firme de convocar, ao abeiro da Lei Orgánica 1/2002 e dos propios Estatutos da FAVEC, unha Asemblea Xeral Extraordinaria da Federación, no caso de que a Comisión Permanente non atenda o mandato da maioría absoluta que lle esixe a devandita convocatoria, para a que se lle deu un prazo límite que vence este xoves.

Se o xoves 25 o equipo directivo inda non convocou a reunión, estas 19 asociacións cursaremos ao día seguinte (venres 26) a convocatoria dunha Asemblea Xeral Extraordinaria na que abordar o cesamento da Comisión Permanente e a elección dunha Xunta Xestora, conforme ao procedemento fixado nos Estatutos, que se celebraría o vindeiro xoves 15 de abril de 2010.

Esta vía extraordinaria, pero completamente legal, é o único recurso do que dispoñemos para poñer fin ao actual “golpe institucional” perpetrado pola Comisión Permanente coa súa actuación antidemocrática. O único propósito desta actuación extrema é o de restituir a democracia na Federación, hoxe secuestrada polo equipo liderado por Elena González.

Vigo a 22 de marzo de 2010.

Nenhum comentário:

Postar um comentário