17 de mar. de 2010

Sobre a Asemblea Xeral Ordinaria da FAVEC.

COMUNICADO DE 19 ASOCIACIÓNS VECIÑAIS DA FEDERACIÓN VECIÑAL “EDUARDO CHAO” DE VIGO

Onte, xoves 11 de marzo, celebrouse unha Asemblea Xeral Ordinaria da Federación de Asociacións Veciñais “Eduardo Chao” de Vigo, da que facemos parte, que tiña como obxecto a aprobación do informe de xestión e contas do exercicio 2009 e a do orzamento para 2010.

As catro votacións celebradas no decorrer da asemblea foron perdidas pola actual Comisión Permanente, xa que a maioría absoluta das asociacións veciñais da FAVEC rexeitamos o informe de xestión e as contas presentadas. Estes resultados verifican e fan indiscutíbel a nula representatividade do actual equipo directivo encabezado por Elena González. Nese senso reiteramos novamente que a Comisión Permanente da FAVEC, ao non contar co respaldo da maioría das asociacións, non posúe lexitimidade ningunha para continuar no exercicio das súas funcións.

Lamentamos que trala asemblea a Presidenta da FAVEC, no canto de atender aos reiterados chamamentos á responsabilidade para que dimita unha vez constatada a súa posición minoritaria, teña atacado novamente ás asociacións veciñais que libremente decidiron non avalar co seu voto unha xestión que non comparten nin respaldan, acusándoas de ter actuado sen estudar as contas e invocando novamente presuntas e inexistentes mans negras na sombra, demostrando unha vez máis a súa curta concepción da democracia.

O voto en contra das contas explícase pola existencia de indicios fundados de que estas non se axustan á realidade –nomeadamente no referido a algúns gastos e aos convenios pendentes de cobro por parte de varias asociacións-, e a dificultade obxectiva para as verificar sen que medie a auditoría en profundidade, que estas asociacións solicitamos.

Queremos reiterar tamén a solicitude formal de convocatoria inmediata dunha asemblea xeral extraordinaria na que abordar o cesamento da Comisión Permanente e a elección dunha Xunta Xestora. Solicitude que é de obrigado cumprimento, conforme os Estatutos da FAVEC e da lexislación vixente, polo que advertimos á Comisión Permanente de que non permitiremos que pospoña arbitrariamente a súa celebración xa que de persistir nesa actitude deberá responder das súas responsabilidades por incorrer nunha grave vulneración do funcionamento democrático da federación.

Desmentimos que o movemento veciñal de Vigo fique dividido, nin fragmentado. O movemento veciñal vigués é dende o seu nacemento un tecido asociativo plural e diverso. A ausencia de unanimidades non é síntoma de división senón de neta democracia. Non hai división, o que lamentabelmente se está a producir é unha insólita situación na que a Comisión Permanente, pese a non contar xa co apoio da maioría das asociacións, négase –por razóns que descoñecemos- a dimitir e desatende a mantenta os mandatos maioritarios, colocando irresponsabelmente a federación nunha situación límite.

Dende logo non imos entrar no suxo xogo de descualificacións que está a manter Elena González, verquendo falsidades directa ou indirectamente nos medios de comunicación contra compañeiras e compañeiros do movemento veciñal. En todo caso preguntámonos que intereses explican que alguén se agarre de tal xeito a unha responsabilidade gratuíta. A nós unicamente nos moven os intereses do conxunto do movemento veciñal.

Entendemos que esta situación insólita na historia do movemento veciñal de Vigo, é resultado da grave crise interna que provocou a Comisión Permanente no seo da Federación Veciñal. Nese senso, apelamos novamente á responsabilidade das persoas que a integran, nomeadamente á súa Presidenta, para que non prolongue innecesariamente unha situación tan complexa e difícil, e que polo tanto convoque a Asemblea Xeral Extraordinaria solicitada.

Vigo, 12 de marzo de 2010.

Nenhum comentário:

Postar um comentário